Onde vai a arte cando rematan as exposicións?

Penso en alto que talvez trabuquei o titular. Onde vai a arte cando rematan as exposicións? A quen lle importa?
Na presentación de O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia Víctor Freixanes puxo de manifesto que “a cultura, se non produce beneficio, a xente non a quere”. Estremece esta teoría reduccionista do que significa a cultura nunha sociedade avanzada. Se os propios impulsores non a dotan dun valor per se, está claro que ninguén a “mercará”.

Trabuqueime. Trabucáronse tamén o resto de xornalistas realizando un enfoque unicamente económico, desbotando toda segunda análise sociocultural. Un mea culpa para todos nós. Si, si ten que existir unha venda e uns beneficios, pero por agora, afastado do pecuniario; antes temos que revalorar para revalorizar: artistas, políticos, críticos, xornalistas, cidadáns. Que falla cando se ofrece un coloquio cunha artista do nivel de Dora García e só se contan seis persoas no público? Talvez ten razón a propia Dora cando critica que a idea de artista resulta insoportable, pero en xeral, falla o detemento e un abandono que non se cuestiona noutras industrias coma pode ser o deporte.

Onde van as personaxes cando a novela remata? foi a exposición que a devandita creadora mantivo no CGAC desde setembro do 2009 ata xaneiro deste ano. Nela subverteu a idea de espectador pasivo e pasou a espectador expectante: Instant narrative transformou a suxeitos anónimos, non relacionados coa arte -previamente seleccionados pola propia Dora García- en autores dunha novela que tiña como protagonistas ós visitantes do centro de arte. Abraiaba a actitude destas personaxes, a meirande parte entraba, miraba con estrañeza, parábase a ler o título da obra, uns pasos, saía. Poucos dábanse conta de que estaban formando parte desa narrativa; aínda menos deste artigo.

Estremece case tanto como as declaracións de Freixanes facerse á idea de que son eles os que engrosan as cifras de visitantes, os que xeran interese, pero a medias, coma se só chegase con ler a ritmo continuo e idéntico de páxinas pasándose, pousar os ollos sobre un cadro ou visitar os centros de arte nos días de inauguración e viño. O consumo e a produción artística contemporáneos convertéronse nunha paradoxal evolución cíclica destinada ao bucle do evento que se nutre coma pode ata morrer na catalogación, e con algo de sorte, nun libro de artista.

Como pode seguir tendo interese un espectador sen educación crítica e con exceso de teoricismo? Séguese a argallar unha Cidade da Cultura, pero non se pensa nos seus cidadáns. Mentres, desde a cúpula institucional proclámase que a arte é para todos… Pero só unha elite o sabe.

Artigo publicado en agosto do 2010 en Xornal de Galicia, edicións impresa e dixital.
A imaxe é da 54 Bienal de Venecia, obra de Dora García.

¡Compartir es vivir!
Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on LinkedInShare on Google+

0 comments