As “desolemnizadoras” da poesía

María Lado e Lucía Aldao reinventan o concepto recital ao unir versos con espectáculo.

lucía aldao e maría lado

Lucía Aldao (A Coruña, 1982) e María Lado (Cee, 1979) non inventaron a unión de espectáculo e versos, pero si son das poucas que fan práctica disto en Galicia, transgredindo a idea estereotipada da poesía dende o seu contido ata a súa forma. Esta revolución nas letras, como todas as revolucións, ten o seu manifesto: “Estabamos fartas do recital sobrio no que o poeta está endiosado. Queríamos unha festa, unha dinámica de bar… E o mesmo título saíu de aí: A nós que nos mola, saír de copas ou ir a un recital? Onde estea un cubata que se quite un soneto“.

Non foi esta a única maneira que atoparon de expresar o xénero poético: unha irónica versión bilingüe de Deitado frente ao mar, ficticio man a man e verso a verso de Celso Emilio Ferreiro con Gloria Lago -“Lingua proletaria do meu pobo / Lengua burguesa de mi ciudad”-, ou o seu último espectáculo, A hostia en verso, anunciada como gran velada poética. Espectacular combate. Poetas guapos contra poetas feos. “Nós intentamos darlle unha volta, somos o contrapunto, un factor desolemnizador da poesía“, proclama Aldao; “a xente esquécese moitas veces de que o acto creativo non existe sen ilusión. O estereotipo do poeta desolado é unha patraña: aquí ninguén fala da realidade, para iso hai outras cousas. Maldicismos os xustos”.

Sendo un binomio lírico cultivan a ironía e o humor. A título persoal poden considerarse unhas creadoras que non limitan o feito poético unicamente á publicación: Lado conta con catro obras editadas e varios volumes colectivos, mentres que Aldao deixou a súa firma en varias antoloxías, e puxo poemas ás fotografías do arquitecto Luis Muñoz en Unha ducia máis un.

Entre as dúas non suman más de cinco libros, e iso que son das creadoras máis activas de Galicia, como explica Lado, “pódese facer vida de poeta e non ter ningún libro editado. A xente en Galicia obsesiónase con que non se pode publicar, pero hoxe en día hai outras maneiras: a rede axuda a crear e difundir novos formatos”. Mostra disto é Berlín, o seu poemario musicado xunto con Fanny+Alexander, cuxa descarga é de balde en A Regueifa.

A POESÍA: O MAIOR XÉNERO MENOR

Que supón este cambio de cariz do xénero lírico en Galicia? Aldao sostén: “A poesía é minoritaria e está ben que o siga sendo, aínda que penso que igual que che gusta un tipo de música ou de cine, seguro que tamén un tipo de poesía”. Lado engade: “Non é un xénero maioritario, e iso que en Galicia hai moitos poetas en activo. Non agardamos ver masas de xente, o que fas é o traballo de base da literatura. A maneira máis directa en que a unha persoa lle chega un texto é recitándollo“.

Malia o éxito acadado nos seus últimos recitais, o sistema literario galego non acaba de atoparse en sintonía coa profesionalización: “non saberíamos dicir a canto está o prezo de quilo de poeta en Galicia”, ironiza Lado, “depende do tempo e do espazo no que esteas, non hai un prezo de mercado nin todo o mundo cobra. Hai unhas tarifas da Asociación de Escritores en Lingua Galega, pero son moi optimistas”. Aldao completa o verso: “no caso da poesía nótase aínda máis ese descoñecemento que teñen a xente e as institucións de que se debe pagar pola arte porque hai un traballo detrás”. Recolle Lado: “O problema é que os poetas sempre estiveron ligados á reivindicación e a dalo todo pola patria, coma se fosen o exército da literatura”. Remata Aldao: “non cobran os poetas que acceden a ir sen cobrar, coma se non precisasen sustentar o seu traballo. Eu non teño amor á arte, teño amor ó oficio”. Aínda que se lle poida poñer prezo ó cubata que acompaña un recital ou á edición dun poemario, talvez o quid radique en que hai oficios -con permiso das poetas- impagables.


Artigo publicado o 24 de outubro de 2010 en Xornal de Galicia, edicións impresa (PDF aquí) e dixital.

¡Compartir es vivir!
Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on LinkedInShare on Google+

0 comments